A figura elixida pola Academia para o Día das Letras Galegas 2008 é unha das máis polifacéticas da nosa literatura. Poeta, narrador, editor, historiador, arqueólogo, orador, pedagogo... A actividade de Xosé María Álvarez Blázquez a prol da cultura abrangueu tantos campos e tan diversos que non resulta doado resumir o seu legado en poucas palabras .
A produción cultural de Álvarez Blázquez vén gozar este ano da atención que esixe. Alén disto, a súa faceta como editor é, se cadra, aquela á que máis lle deben as nosas letras. Fundador e animador das editoriais Monterrey e Castrelos, foi grazas a Xosé María que boa parte da obra clásica galega ocupou o seu lugar nos andeis de moitas casas.
Autor polígrafo, estudoso incansábel, "activista cultural" -en palabras do seu fillo Xosé María Álvarez Cáccamo-, a súa enorme achega debe valorarse ante todo en termos de compromiso. Un compromiso que mantivo incondicionalmente ligado á Cultura en xeral e a Galicia en particular.