| 17 de maio

Día das Letras Galegas. Xosé María Álvarez Blázquez 2008

Xosé María Álvarez Blázquez


Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte

Falares

Xosé Luís Méndez Ferrín

"Familia, amor, tristura, morte violenta, nostalxia, arelada liberdade, galeguismo, humildade, curiosidade, humor, sabedoría, deporte erudito, capacidade de precipitar todo isto en textos poéticos. Velaquí o modelo humano, o estilo de vida —como diría Foucault— que se transparenta no estilo literario de Álvarez Blázquez […], unha forma de comportamento á vez ético e estético que é ou tende a ser colectiva, que provoca afecto no lector, que induce á exasperación das subxectividades e ó desexo de se integrar no módulo proposto. Que arrastra e que conduce. Por esa razón quero dicir que eu teño ollado moito para a árbore que Xosé María era, e deploro que xa non haxa sombras como a que el proxectaba para os mozos se sentaren a ela cando, cansos de camiñar pola longa estrada que non leva a ningures, quixesen repousar e osmar en paz."

"Con Xosé María", prólogo a Xosé María Álvarez Blázquez. Poesía galega completa (ed. Xosé María Álvarez Cáccamo), 1987.


Ramón Otero Pedrayo

Ouh, bon novelista, poeta, erudito,
xentil deportista das grorias do mito
que as risas das foulas do mar de Coruxo
gobernas con vellos saberes de bruxo
e, rei da badía, novo Poseidón,
deica o vago Ponto levas teu blasón,
nas azas do vento chegou a Trasalba
túa epístola leda, estrofa bivalva,
con legrías boas, cordas de amizade
soantes cos ritmos da vella saudade
que nos cingue ós poucos bos e xenerosos...

"Sr. don Xosé María Álvarez Blázquez", 1964 (recollido en Xosé María Álvarez Blázquez. Poesía galega completa (ed. Xosé María Álvarez Cáccamo), 1987)


Darío Xohán Cabana

"Na personalidade múltiple de Xosé María Álvarez Blázquez, a faceta de editor non é precisamente a menos destacada; e se pensamos ben as cousas e botamos as contas ben botadas, mesmo teremos que concluír que foi neste terreo onde lle prestou os seus máis altos e máis útiles servizos á patria."

Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra, 2008.


Celso Álvarez Cáccamo

"Para mim, foi sobre todo um pedagogo e um divulgador, herdeiro do ensino da República. Umha cousa que temos em comum quatro filhos de Álvarez Blázquez é sermos educadores. Eu destacaria ainda que o Catecismo do Labrego de Lamas Carvalhal, editado por Castrelos na colecçom O Moucho, foi o primeiro livro (nem sequer o primeiro em galego) que entrou em muitos lares da Galiza. […] Um humanista con traços libertarios e grande compromisso com a liberdade."

Novas da Galiza, 15 de xullo a 15 de agosto de 2007, p. 16.


Emilio Álvarez Blázquez

"Pero na hora de sentar á mesa, sempre faltaba Xosé María. Había que chamalo pola horta adiante, pola galería arriba e ás veces saír fóra da casa para recadalo nun camiño, falando cun vello que tomaba o sol como quen toma a derradeira cunca do viño da vida. Xosé María sempre andaba un algo retrasado, por mor dun libro sen rematar de ler, por mor dunha palabra que non atopaba rexistrada, ou —porque toda curiosidade lle cabía no peito— por olla-lo despacioso traballiño dunha araña, que estaba rematando o seu bordado entre ponla e ponla do camelio."

"Epílogo de familia, máis un verso", epílogo a Xosé María Álvarez Blázquez. Poesía galega completa (ed. Xosé María Álvarez Cáccamo), 1987.


Xavier Rodríguez Baixeras

"Outra característica altamente positiva e que, certamente, debemos situar ao nivel da anterior é a sensación de autenticidade que transmiten estes versos. Nos primeiros libros, a identificación co folclore é absoluta, así como é evidente a franqueza afectiva en Roseira do teu mencer, mentres que en Canle segredo o acento confidencial e a énfase con que o poeta expresa o seu amor familiar, a súa ansia de evasión cara aos escenarios infantís e a desolación do mundo da posguerra -onde, por certo, non falta unha clara censura do egoísmo e a usura da clase burguesa- aparecen impregnadas de verdade."

Introdución de Poesía galega completa, 2008.


Alfonso Álvarez Cáccamo

"Xosé María sempre gustou de buscar tesouros. Boa parte da súa vida dedicouna a tan suxerente mester e abofé que no seu oficio foi ben recompensado. Non achou ningún de ouro, [...] mais como Xosé María Álvarez Blázquez, pai de seis fillos, malia certas gadoupadas da vida, poucas veces perdeu o humor e a constancia na procura dos máis agachados —ás veces custodiados por dragóns de sete cabezas non pensantes— e sempre soubo utilizar a arte do san Xurxo, que non é outra ca a de cravar a pica da ilusión para enriquecerse e enriquecernos na imaxinación e na cultura, cando non atopaba o cofre desexado que encirraba as moedas que proporcionan a máis lícita das felicidades, inventábao."

"O buscador de tesouros", limiar d’A pega rabilonga. Os ruíns, 2008.


Clodio González Pérez

"O Moucho" acadou moita popularidade, quizais a máis de cantas se teñen feito deica agora, por se tratar de libriños de peto de prezo moi económico e de temática atraente para todos os lectores, sobresaíndo pola cantidade de reimpresións o primeiro número, Catecismo do labrego."

Xosé María Álvarez Blázquez 1915-1985. A Terra é o fito chantado no centro xeométrico do meu horizonte, 2007.


Xosé María Álvarez Cáccamo

"Admirábel vontade de traballo, exercida contra os ventos e marés de múltiples dificultades, curiosidade intelectual e entusiasmo de moi diversos albos máis unha extraordinaria disposición optimista como aparello defensivo contra a versátil capacidade de agresión con que a vida se lle foi enfrontando, son para min os elementos básicos do retrato humano do meu pai. A súa escrita reflicte aquelas claves humanas".

Memoria de poeta, 2006.


Carlos L. Bernárdez

"En 1971 publica un libro de narración en galego, A pega rabilonga e outras historias de tesouros. Trátase dun conxunto de relatos co denominador común da presenza de tesouros no argumento das distintas historias, escritos en clave realista e con temática que en xeral nos traslada á Galicia tradicional, en especial ao mundo decimonónico, que ten máis dunha conexión co mundo literario de escritores da Xeración Nós, como Ramón Otero Pedrayo."

Vida e obra de Xosé María Álvarez Blázquez, 2008.




© Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. Consellería de Cultura e Deporte

Accesibilidade | Aviso legal